Monday 29 de April de 2024

O CIM de Boqueixón abre as inscricións na III Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, que terá lugar o 13 de novembro


Terá lugar na Casa da Cultura de Camporrapado. Entrada gratuíta, previa inscrición en www.boqueixon.gal

Incluirá a exposición “Ana, luz e sorriso”, en homenaxe a Ana Enjamio Carrillo, veciña de Boqueixón asasinada en Vigo no 2016

O Centro de Información á Muller de Boqueixón abre as inscricións para a III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller, que terá lugar o sábado 13 de novembro, a partir das 17:00 horas, na casa da Cultura de Camporrapado. O programa inclúe o seu tradicional formato, combinando charlas, exposicións e música. A asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse cubrindo un formulario de inscrición dispoñible na we municipal: www.boqueixon.gal.

A Xornada abrirase o sábado 13 de novembro, ás 17:00 horas, cunha actuación musical de Sofía Silva, artista local. Acto seguido, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a directora do CIM, Cristina Carbajales Nouriño, darán a benvida ás persoas presentes e presentarán a xornada. Ás 17:15 horas terá lugar a charla “Boas prácticas para traballar a igualdade no rural”, a cargo da asociación Berenguela pola Igualdade (Vedra).

Tras unha peza musical da artista local Marina Vidal, ás 17:45 horas dará comezo a ponencia “A realidade da Violencia de Xénero”, dirixida por Yolanda Neira Cristobo, psicóloga do CIM de Boqueixón. “Conscientes do impacto positivo que supón para concienciar e sensibilizar á poboación escoitar o testemuño de persoas que sofren esta problemática, nesta edición contaremos co testemuño dunha persoa que viviu diversas formas de violencia: Esther García García, divulgadora e sobrevivente de abusos sexuais infantís, violencia de xénero e doméstica”, explica Yolanda Neira. Esther é estudante de Dereito e colaboradora no proxecto “Calladita no eres más bonita”, unha publicación de Nuria Prieto sobre relatos de violencia de xénero.

Exposición

Por outra banda, a III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller acollerá a exposición “Ana, luz e sorriso”, unha acción promovida polo CIM de Boqueixón en homenaxe a Ana Enjamio Carrillo. Trátase dunha exposición colectiva que, a través da mirada de sete mulleres ilustradoras, ten a finalidade de manter vivo o recordo de Ana Enjamio, veciña de Boqueixón asasinada. Blanca Millán, Isa Albela, Lorena Couto, Laura Romero, María Montes, Eva Casais e Laura Tova son as sete ilustradoras que participan neste proxecto, que se presentará a través dun audiovisual do mesmo nome no se que expón o proceso de creación da exposición.

A xornada rematará cunha actuación musical de Sofía Silva e Marina Vidal Míguez, así como o tradicional Photocall pola Igualdade. Para asistir á xornada é preciso inscribirse previamente a través do formulario web habilitado para tal fin, dispoñible na páxina web municipal. Para acceder ás instalacións será obrigatorio utilizar máscara e desinfección de mans.

A III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller está organizado polo CIM de Boqueixón e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, o Ministerio de Igualdade e da Unión Europea.